Son guapo. Son guapo e non me gusta o fútbol nin un pouco. Non me gusta o fútbol e teño boa planta. Son alto e ben proporcionado e os meus ollos, ademais de fermosamente verdes, saben mirar. Non me gusta o fútbol e vai para vinte anos que acompaño a Benigno a ver os partidos da Champions no Dublín.
Benigno ama o fútbol e é máis ben tirando a feo; apenas uns beizos carnosos e ben debuxados que non estraga se non lle da por rir. Benigno festexa os goles a berros, brincando da cadeira, que queda abaneando, despois senta baldado, como se viñera de atravesar un deserto, e pide outra cervexa. As goleadas non son recomendables para a súa saúde. Benigno non é guapo, non chega nin a riquiño, gústalle o fútbol e máis un mundo as mulleres. Non sei se con elas celebrará os orgasmos, propios ou alleos, brincando da cama e berrando, isto sería impúdico. Nin creo que lles pida a elas outra cervexa, isto estaría fora de lugar. Si, a Benigno gústanlle moitísimo as mulleres, pero está farto do amor. O outro día, entre dous goles de Messi, e mentres non daba chegado o novo quinto de Estrella, eu creo que sen vir a conto, díxome:
Amaro, Sabes unha cousa? Para a maioría das mulleres, por moito que digan, o amor non é mais que unha escusa fermosa para foder a gusto.- Un case inmediato gol de Luís Suárez converteu nunha illa á deriva aquel comentario.
A Benigno gustar gústanlle as mulleres, pero antóllanselle máis complexas que o fútbol e menos inmediatas as súas satisfaccións e moito máis inaccesibles. Aínda que na miña opinión ten, pese ou grazas a súa fealdade, certas dotes de conquistador.
Eu son ben feito e entendo pouco ou nada de fútbol. Os meus brazos son fortes, o meu bico anguloso e non podo negar que desperto o desexo en moitas mulleres. Tampouco é que entenda moito de mulleres, nin sei se hai que entender, a min agrádame pensar que simplemente teñen bo gusto. Eu non festexo os goles e Benigno pensa que son do Racing de Ferrol, o que si pido é outra caña, gústame acompañar. Tampouco é a miña especialidade soltar frases sentenciado coma fai Benigno en ocasións. Eu son guapo, do que non podo presumir e de ser moi simpático, tampouco de ocorrente e aínda que é certo que desperto o desexo en moitas mulleres, ou nalgunhas, se elas non me desexan eu síntome incapaz para seducilas. Eu, creo que xa o dixen, son guapo e non cago sentencias coma Benigno, pero o outro día, se non fose polo terceiro gol de Messi, golazo na voz desfeita do comentarista, e que supuxo a quinta Estrella, case lle digo a Benigno, aínda que a el seguro que tanto lle tiña, que para min o sexo estábase a voler unha escusa para acariñar a tenrura.
Cando chegou o sexto gol Benigno, aínda que foi de penalti inxusto, apertoume con inmoderada paixón.
Mario Caneiro