03 Mar
Hermitas e a frecha do tempo.



Haberá catro anos cando descubrín a fotografía, hai poucas fotos feitas da familia do meu pai, vin algo nela que non me casaba. E non se trataba só da eterna disputa, entre a Historia e a memoria, sobre quen das dúas é máis mentireira. O retrato é de comenzos dos sesenta, en pleno “desarrollismo”. España vai “vento en popa”, mais aquí os ventos son fríos e son de axuda só para fuxir na procura de traballo. Pero non é o contraste. da memoria da pobreza fronte á historia do éxito económico dos sesenta, o que me volve irreal a escena. Esta desenvólvese, probablemente, durante un Patrón no San Pedro en Loira. Os participantes queren que se saiba e amosan un café hoxe sen chicoria, un bolo de pan hoxe de trigo; meu avó Avelino e Germán, o máis vello dos meus tíos, dan conta dun vaso de viño. Queren mostrar, cando menos por un día, fartura, abundancia, que é a imaxe que os pobres teñen da alegría. Por diante as fillas e os fillos mais novos,  no centro e algo por detrás meu pai, aínda un filusmías fibroso, ao seu carón a súa tía Leonila e á dereita de todo unha muller que me custa recoñecer, pese ao familiar dos seus rasgos, que é quen me fai dubidar, xa non da Historia, se non da física, da bioloxía, da mesma dirección da frecha do tempo. Eu debina coñecer, ser consciente dela, unha década máis tarde daquela festa. Xúrovos que incluso cando morreu, xa consumida pola vida, trinta e pico anos despois, parecía moito máis nova ca muller da fotografía. Era a miña avoa Hermitas.


Mario Caneiro

Comentarios
* No se publicará la dirección de correo electrónico en el sitio web.
ESTE SITIO FUE CONSTRUIDO USANDO