26 May
O Lego de Alba



Ás veces, pode valernos calquera desculpa, ir mirar un funil, un espello, un pequeno moble para algunha esquina orfa da casa, non é mal paseo para unha tarde de chuvia perderse por un Super, Mega ou Hiperbazar. En Compostela temos un ben grande e especialmente fornecido, o antigo Plásticos Santi, onde un pode gozar, por exemplo, da boa veciñanza que comparten na sección de decoración unha réplica dun cadro de Monet cun enorme diorama de cabalos azuis movéndose, de xeito inquietante, canda a un. Por alí nos mergullamos este sábado miña filla Alba e máis eu. Pasamos da roupa de cama, aos disfraces, dos disfraces á louza de cociña, da sección de papelería á ferretería. Puxémonos nostálxicos do verán ao camiñar entre o mobiliario de xardín, detivémonos ante moldes inverosímiles para biscoitos, fiscalizamos pufs, gabetas, biombos, floreiros, macetas, material de bricolaxe e pasando pola zona de xoguetes, lembrámonos dun Hotel de Lego que acabou sufrindo as necesidades destrutivas dos cinco anos de Román e Samuel. Eu comenteille como a min as pequenas pezas do Lego poñíanme dos nervios, ela replicou que a estresaban máis os crebacabezas. Como puxen cara de sorpresa, pois vina facer ben deles, aclaroume que a súa preferencia polos Lego debíase a que estes traían instrucións. Seguimos camiñando afeito por entre os andeis de cada corredor e xa na casa viñéronseme á cabeza os meus amigos ateos, aos que lles parece pouco ou nada científico que algunha xente aínda teña crenzas relixiosas. A min, que non creo nin descreo, nin falla que me fai, probablemente porque fun crente, non me estraña esa necesidade de fe, de aferrarse a algo, pensei que se lle dicía a estes amigos incrédulos que, se cadra, algunhas persoas poidan sentirse cómodas no seo dunha igrexa pois dese xeito teñen, mellor ou peor, un manual de instrucións para a vida, os meus amigos entenderíanas un pouco máis. Como entendería Alba, a quen enfadan as chamemos “reticencias” de tanta xente fronte á homosexualidade, que aos reticentes, ante o descubrimento de alguén que non é exactamente coma eles, ou como eles esperan, sucédalles que, de súpeto, o Lego da súa vida se transforme nun crebacabezas e non saben onde poden encaixar esa nova peza e iso, como lle acontecía a ela, prodúcelles estrés. Isto para as reticencias, para o desprezo, o odio e o rencor non sei se haberá hiperbazares de abondo polos que pasear.

Comentarios
* No se publicará la dirección de correo electrónico en el sitio web.
ESTE SITIO FUE CONSTRUIDO USANDO