Deixando a un lado a Iniesta, poucos deportistas españois espertan tanta unanimidade como Rafael Nadal. Unha e outra vez escoito como se lle pon de exemplo dos beneficios da “cultura do esforzo” aos rapaces e algo de razón deben ter, pois dime, xente que sabe máis que min de tenis, que a diferencia de Federer, quen ten unha facilidade natural para este deporte, Nadal chegou a número un cunha considerable dose de sacrificio pola súa parte. Non o dubido, pero é pedagoxicamente o exemplo a poñer aos nenos? Pois non sei pero a min non deixa de virme á cabeza a adiviña de Wason, unha das poucas cousas que non esquecín, de todo, no meu paso pola psicoloxía e de cuxos resultados dedúcese unha tendencia a ver unha condición necesaria como necesaria e suficiente, o que nos leva a pensar que se para triunfar é necesario esforzarse, logo se me esforzo triunfo, cousa que se desmonta por si soa, cando menos nun contexto competitivo. O número un só pode ser un.
Isto condúcenos a outra pregunta sobre o tan publicitado esforzo, que será necesario non o negarei, aínda que un agnóstico católico, coma min, desconfie de certas éticas calvinistas do traballo. Se non nos procura o éxito paga a pena o esforzo? E aquí poderíamos poñernos filosóficos e barrenar sobre que é o éxito, pero se cadra por estar unha miga enfermo, quen sabe se de nostalxia (ese mal da idade), un tira polo lado da épica ou da beleza, pois, aínda que gocei dos Tour de Indurain, se penso nunha imaxe sobre o fermoso que poida haber no ciclismo, só me vén aquel mulido de osos e nervos, retorcéndose sobre unha bicicleta, de nome Escartín. Quen nunca gañou unha gran volta e no Tour, creo recordar, unicamente unha etapa. Claro que tampouco lle tedes que facer caso a un tipo que se ten emocionado máis perdendo contra Iugoslavia, ou contra aquela URSS infranqueable, chea de ametralladoras lituanas, que gañando algún Mundobasket con aperente facilidade. Así non teredes que dicirlle aos vosos fillos que o esforzo só serve para dignificar a derrota, para facer do fracaso unha fermosa lembranza.
Mario Caneiro
Para curiosos
https://www.gaussianos.com/el-juego-del-contrarreciproco-de-wason/