27 Apr
A primeira publicación



Non podo negar, que a pesares de que xa non era novo, encetara xa os corenta e tres anos cando Homiños chegou as librerías, e aínda que un, por carácter ou por que así llo aprenderon, tende sempre a relativizar a importancia dos pasos que vai dando, consciente de que máis que probablemente (que difícil é darse o valor xusto a un mesmo) a literatura galega seguiría sobrevivindo sen min e que tampouco vou partir a historia da literatura en dous, como coa historia da humanidade creu facer aquel filósofo que se abrazou a un cabalo en Turín, non vou negar que cando os primeiro exemplares chegaron as miñas mans e puiden ulilos, a verdade é que non me cabía unha palla no cu.


Co tempo as emocións atenúanse, e a fachenda fica reducida á alegría que che provocan aqueles que se alegraron por ti, aos teus pais, aos que crees terlles, deste xeito, devolto algo de tanto que non che paran de dar, e a que alguén que non sabía nada de ti, investise, por que lle pareceu fermoso o que escribiches, o seu tempo e a súa facenda (graciñas Penélope). 


Con todo e iso un preocupase pola incerta vida da súa criatura, e anda polos googleles adiante a ver se atopa algunha pegada do seu paso polo mundo, e van aparecendo librerías que o acolleron nos seus andeis, algunha biblioteca despistada que o incorporou aos seus fondos, incluso un lector, neste caso un lector máis formado ca ti, que deixa a súa opinión sobre a obra (graciñas Armando), que les e relés, tentando adiviñar entre liñas tamén o que o crítico non quixo poñer e un día, por tanto “chusmar”, atopas algo co que non contabas e que che resulta un inquietante recordatorio:


 Caneiro, Mario (1969 - )


Comentarios
* No se publicará la dirección de correo electrónico en el sitio web.
ESTE SITIO FUE CONSTRUIDO USANDO