Acabas de chegar de ver unha performance no Torrente Ballester, na que unha artista vai cubrindo o seu corpo con pintura de distintas cores, mentres escapa do xogo tolo das luces, que golpean o escenario; no que está confinada, buscando as sombras (cada vez máis imposibles) entre a música de Philip Glas interrompida polos sons da construción dun edificio, que se vai proxectando ás súas costas, á velocidade xusta para que te decates do paso mecánico das diapositivas.
Agora na casa, poste a cociñar o xantar de mañá. Custouche reaprender as cantidades necesarias para cociñar para un só, pero agora que as dominas estás contento e non podes evitar cantaruxar unha rancheira chea de calzóns de la e de coiro.
Mario Caneiro