Supoño que podería dicir que son culto dabondo, como para saber o inculto que son. Ademais, para desdoro meu, debo recoñecer que moita desa culturilla, sobre todo cinematográfica, adquirina, se non a pesar meu, si como sen querer; entre as tardes falsamente inacabables da infancia e os ciclos de cine que polas noites, baixo a tutela da televisión oficial e única, se nos ofrecían, fundamentalmente cine americano.
Así, sen decatarme ben, gocei de Hitchcok, John Ford, Capra, Howard Hawks, Billy Wilder, ou Stanley Donen e outros esquecementos seguramente imperdoables e sobre todo das películas de serie b, especialmente a ciencia ficción dos cincuenta-sesenta e a súa carga de inxenuidade, que tanto extraño.
Entre estas hai unha película que últimamente venme moito á cabeza, o filme Planeta prohibido, onde unha expedición viaxa ao planeta Altair na procura doutra anterior, da que non se volvera a ter noticias na terra. Unha vez no planeta atopan ao único supervivente, o doutor Morbius, unha sorte de Capitán Nemo aínda máis misántropo se cabe, e á súa filla, un ser inocente nacido en Altair e que non coñece outro contacto humano que o do seu pai. Unha vez alí o Doutor aconséllales non deterse máis dun día no planeta, xa que todos os compoñentes da primeira expedición morreran en inexplicables circunstancias. Recomendación que os novos visitantes non poden aceptar.
Despois das previsibles primeiras mortes da tripulación, o Doutor Morbius infórmaos, tras un paseo polo restos inalterados da tecnoloxía dos nativos Krebs, desa civilización altamente tecnificada, que desapareceu, dun día para outro, cando acadaran o cumio do seu desenvolvemento científico, coa creación dun artefacto que permitía materializar os pensamentos. Bastáballes pensar, por exemplo, unha casa para que esta aparecese.
Despois dunha serie de vicisitudes, co inevitable acoso e derribo da cándida filla do Doutor Morbius (isto daría para un longo artigo sobre os usos amorosos nun tempo prefeminista) descobren que a causa da desaparición dos Krebs eran os monstros do Id, os monstros do “ello” Freudiano, os odios e xenreiras atávicas que, sen o control e filtro da razón e a conciencia e materializados polo artefacto creado por eles, derivaron nun matanza total. A min sempre me pareceu un final brillante para a película.
Agora, coñecendo o efecto de “twuíteres” e demais redes sociais por medio, antóllaseme ademais un final do máis crible.
Mario Caneiro