Invadido, como ando, pola sensación de canto aumentou, nos últimos tempos, a xente que, gustosa de opinar, sempre ten un fascista na boca (á verba refírome ou iso espero), un “buenista”, un demagogo ou un despectivo “perroflauta”, cando non un vulgar gilipollas e, parecéndome reduccionista e empobrecedor tal abuso no uso destas verbas, desexo facer unha pequena aportación ao campo semántico das faltadas, recuperando ou recordando un termo, máis ben concepto, que nunca sei ben se é de uso familiar, se pertence ao acervo linguístico da miña aldea, alí onde Valdoviño parece que quixera ser xa Cedeira, ou é unha alocución universal, pero que en todo caso sempre me marabillou, polo definitorio e suxestivo que me resulta a figura do “tonto malicioso”.
Lean amodiño estas dúas palabras, repítanas con calma (ton to ma li cio so), respírenas, interioricen a idea, identifiquen a alguén do seu ecosistema habitual, póñanlle cara e imaxíneno nos comportamentos que os levaron a definilo como tal; nese intre a min sucédeme que, ao pouco, anégame o que, se cadra, máis me gusta do insulto e é como me move da ira inicial á máis sinceira compaixón polo suxeito e, sen abandonar esta, en moitas ocasión á risa. A vostedes non?
Ás veces, os días que me atrevo a ser optimista e confío na bondade natural do home, na súa ética e me volvo algo socrático, non ata o punto da cicuta (non convén engañármonos), penso que sería macanudo que a expresión “tonto malicioso” fose un pleonasmo.
Mario Caneiro